3/5/19



O curso de 2º Bach. está a piques de rematar, mais aínda quedan folgos para  propor unha lectura máis, nesta ocasión un poemario de Ismael Ramos, gañador do Premio Johán Carballeira: Os fillos da fame. O bocado é tan goloso que convidamos tamén á poeta e compañeira docente Olga Patiño para que opine sobre a poesía do poeta de Mazaricos. A sesión foi toda unha sorpresa, pois os comentarios  dos/as participantes son ben substanciosos...

29/3/19

Superada a primeira proba, e con ganas de máis lecturas, unha alumna participante propón lermos o Manifesto rebelde de Manuel Rivas: Contra todo isto. Súmase unha alumna máis ao club e contamos con profesorado diverso que asume o reto da proposta, para ir lendo ao longo dos meses de febreiro e marzo... As páxinas de Rivas engaliólannos de tal maneira que  temos nostalxia de rematar a súa lectura, pois realizala foi todo un pracer.



11/1/19

Comezamos este 2018-19 o Club de lectura en 2º Bach. no mes de xaneiro, logo de varios intentos,  coa biografía novelada de Domingo Fontán por Marcos Calveiro... Dúas alumnas foron as que protagonizaron inicialmente a primeira sesión, ademais dos tres docentes que tamén participan nela. Resultou moi interesante escoitar opinións contrastadas dos presentes na reunión.



27/9/18

A REVISTA LAR e NÓS NA ÉPOCA NÓS. 
(2º BACHARELATO)

(Traballo de procura de información* e de exposición oral** –cómpre o apoio dunha presentación dixital ou guión esquemático para a organización da mesma)

DATA LÍMITE PARA A EXPOSICIÓN: XOVES 4 OUTUBRO


*Obrigada: 0’5 puntos

**Optativa: 0’5 puntos (en grupo, máx. 3 alumnos/as)

24/5/18

E aquí puxémoslle o ramo ao libro de Cunqueiro, nostálxicos como Felipe de Amancia, daqueles tempos idos co seu amo Merlín asistindo aos máis marabillosos feitizos, así nós ficamos cun sabor doce na boca e un sorriso debuxado nos beizos na confianza de sentarnos novamente á mesa e gozar coa literatura...

16/5/18

Merlín seguiu a darnos horas  de pracer e momentos para partillar as súas historias sorprendentes...  Os seus lectores agora xa saben que a forma en que estas  se contan é o realmente importante; non o seu argumento...


26/4/18

Os participantes do Club de Lectura de 4º ESO seguen a gozar das historias do Merlín e familia,especialmente do mestría de Cunqueiro á hora de narrar. É marabilloso asistir ao descubrimento do autor mindoniense por parte destes afoutos lectores e lectoras que non
 lle temen  a nada...Parabéns!

21/3/18

CLUB LECTURA 4º ESO FERNANDO WIRTZ


Xa temos nova lectura para o Club: Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro, un clásico da literatura galega que nos leva ás Terras 
de Miranda para asistir aos prodixios do mago Merlín... 

O seu paxe, Felipe de Amancia, dá conta "das máis misteriosas maxias, engados, trasegos, inventos, tendollos e feitizos" do seu amo "na antiga e longa selva de Esmelle"...






2/3/18

O 1 de marzo reuniuse o Club de lectura de 4º ESO para comentar "O hibisco púrpura" de Chimamanda Ngozi Adichie: 7 alumnos e 2 alumnas, ademais de 3 profesoras.

 A novela foi moi ben acollida polos/as  lectores/as, ademais de  revelarnos outra realidade moi diferente, moito máis crúa e dura. Marchamos co desexo de partillar novas lecturas.

21/12/17

CLUB LECTURA 4º ESO

Comezamos  este curso o Club de Lectura de 4º ESO  do IES Fernando Wirtz coa obra de Francisco Castro: Tes ata as dez, novela de ritmo trepidante que nos atrapa desde as primeiras páxinas, adentrándonos na época do tardofranquismo da man do seu protagonista, Antonio Correa. 

Velaquí documentación gráfica  da amena tertulia, integrada por 3 alumnos e 5 alumnas, ademais de tres profesoras. Proximamente colgaremos críticas dos/as participantes nel. Cómpre pensarmos na seguinte....