31/3/11

Miguel Anxo Murado

Mércores de cinza, de Miguel Anxo Murado, é a nosa proposta para iniciar o 3º trimestre. Os seus libros son sempre unha invitación á reflexión. A mellor maneira de sabelo é encetalos para comprobárdelo vós mesmos. Lede "Vergoña" e opinemos logo das súas historias. Faino no propio blog. Bo proveito!

26/3/11

A literatura de posguerra: poesía

Velaí a presentación da Poesía de posguerra que vos permitirá contextualizar mellor esta etapa e ter unha visión máis completa deste xénero producido no período nas súas múltiples tendencias poéticas.

24/3/11

Premios literarios

O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, novamente premiado no prestixioso certame internacional The White Ravens, que celebra anualmente a Biblioteca de Múnic entre os mellores títulos da literatura infantil e xuvenil. Parabéns Marcos Calveiro!

22/3/11

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro

O 2011 será o ano de Cunqueiro, para celebrar os cen anos do seu nacemento. O CCG organizará do 18 de febreiro ao 22 de decembro actos nas diferentes cidades-claves -Mondoñedo, Vigo, Santiago- na súa biografía.

3/2/11

O pintor do sombreiro de malvas

O pintor do sombreiro de malvas, a novela de Marcos Calveiro, recrea os dous últimos meses de vida de Van Gogh, en Auvers, da man dun rapaz parisino que convivirá co artista nesa vila de Francia, o que determinará o seu futuro ("as pequenas emocións son os grandes capitáns das nosas vidas", dirá o narrador da historia. Dous pintores unidos , Van Gogh e Calveiro, mais afastados por máis dun século, que recrean á perfección ambientes e personaxes, o primeiro coa cor e o segundo coa palabra.

12/1/11

As vangardas

A unidade didáctica da AELG de Pilar Ponte sobre as vangardas ofrécenos unha ampla visión do fenómeno europeo e galego que nos permitirá contextualizar adecuadamente os movementos rupturistas do 1º terzo do séc. XX.

29/10/10

Bicentenario do libro galego (A Coruña)

A Coruña, berce da edición profesional na nosa lingua, vén de inaugurar a exposición dos 200 anos de historia do libro galego, organizada pola Concellaría de Cultura e a RAG, a cal poderá visitarse até o 21 de novembro.

12/4/10

Franz Kafka

O mundo de Kafka ben se pode imaxinar desde a súa novela breve A metamorfose, tremendamente actual mesmo sendo case centenaria....