26/4/11

50 Aniversario de Memorias dun neno labrego

Con motivo do 50 aniversario das Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, asistimos novamente á toma de conciencia de Galiza do escritor desde a emigración no ano 61(Arxentina) e evocamos a sociedade galega da posguerra en plena ditadura franquista, eminentemente rural. Diversas actividades culturais contribuirán á súa celebración.

31/3/11

Miguel Anxo Murado

Mércores de cinza, de Miguel Anxo Murado, é a nosa proposta para iniciar o 3º trimestre. Os seus libros son sempre unha invitación á reflexión. A mellor maneira de sabelo é encetalos para comprobárdelo vós mesmos. Lede "Vergoña" e opinemos logo das súas historias. Faino no propio blog. Bo proveito!

26/3/11

A literatura de posguerra: poesía

Velaí a presentación da Poesía de posguerra que vos permitirá contextualizar mellor esta etapa e ter unha visión máis completa deste xénero producido no período nas súas múltiples tendencias poéticas.

24/3/11

Premios literarios

O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, novamente premiado no prestixioso certame internacional The White Ravens, que celebra anualmente a Biblioteca de Múnic entre os mellores títulos da literatura infantil e xuvenil. Parabéns Marcos Calveiro!

22/3/11

Homenaxe a Álvaro Cunqueiro

O 2011 será o ano de Cunqueiro, para celebrar os cen anos do seu nacemento. O CCG organizará do 18 de febreiro ao 22 de decembro actos nas diferentes cidades-claves -Mondoñedo, Vigo, Santiago- na súa biografía.

3/2/11

O pintor do sombreiro de malvas

O pintor do sombreiro de malvas, a novela de Marcos Calveiro, recrea os dous últimos meses de vida de Van Gogh, en Auvers, da man dun rapaz parisino que convivirá co artista nesa vila de Francia, o que determinará o seu futuro ("as pequenas emocións son os grandes capitáns das nosas vidas", dirá o narrador da historia. Dous pintores unidos , Van Gogh e Calveiro, mais afastados por máis dun século, que recrean á perfección ambientes e personaxes, o primeiro coa cor e o segundo coa palabra.

12/1/11

As vangardas

A unidade didáctica da AELG de Pilar Ponte sobre as vangardas ofrécenos unha ampla visión do fenómeno europeo e galego que nos permitirá contextualizar adecuadamente os movementos rupturistas do 1º terzo do séc. XX.